×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading

Finalidade / Obxectivo

Proxectos dirixidos a investimentos en obra civil e maquinaria e outros bens de equipamento para a creación dun novo establecemento ou ampliación dun xa existente que presentan un elevado potencial de creación de emprego directo e indirecto.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Sociedades mercantís con tamaño de pequenas e medianas empresas (pemes), que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.

c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos de xeradores de emprego realizados por pequenas e medianas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

1º O proxecto deberá cumprir algún dos seguintes parámetros:

  • A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente, que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 150.000 euros e inferior a 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, e o mantemento do emprego.
  • A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 50.000 euros inferior a 150.000 euros, sempre e cando supoña unha creación neta de emprego ligado ao investimento, cuxo custo salarial para o período dun ano, dos postos de traballo a crear, alcancen un importe comprendido entre 150.000 euros e 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.
  • A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 900.000 euros excluíndo impostos, taxas e arbitrios e inferior a 2.000.000 euros, sempre e cando se corresponda con actividades que non se consideren atendibles pola Lei 50/1985, do 27 de decembro, de incentivos rexionais, e leven consigo á creación de emprego fixo.

2º Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no Anexo II.

3º. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto non será subvencionable, de acordo coa esixencia de efecto incentivador. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou pedido de calquera outro investimento, entendéndose por proxecto os investimentos comprendidos na solicitude da axuda. A compra dos terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4º. Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables, excepto os correspondentes as actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Nos proxectos xeradores de emprego definidos nos puntos II. e III. do apartado 1º, e no caso do primeiro establecemento, dos definidos no punto I., o solicitante deberá comprometerse á creación de emprego con carácter indefinido. Así mesmo, para os proxectos definidos no punto III., o Igape esixirá nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.

Inversións ou gastos computables

a) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.

b) Adquisición de edificacións ou construcións, por un importe que non exceda do 10% do gasto total subvencionable.

c) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.

d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

e) Activos inmateriais, en contía non superior ao 50% do investimento subvencionable.

Será, así mesmo, subvencionable o custo salarial para o período dun ano, nos proxectos relacionados no apartado 1º.ii) anterior. Enténdese por custo salarial o importe composto polo salario bruto, é dicir, antes de impostos, e as cotizacións obrigatorias, como a seguridade social.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 35% dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas, e ata o 25% no caso de medianas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 16 de decembro de 2016 ou no momento en que se esgote o crédito orzamentario.

Referencia lexislativa

Resolución do 28 de decembro de 2015 (DOG Nº247 do 29/12/2015) - Bases reguladoras e convocatoria 2016

Máis información

IGAPE. Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n 15703. Santiago de Compostela (A Coruña)
Tel. 902 300 903 / 981 541 147 . Fax: 981 558 844

Convocatoria