×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Clusaga presenta na Universidade da Coruña a primeira edición de BFFood

O Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña acolleu o pasado 30 de abril o acto de presentación da aceleradora do sector alimentario Business Factory Food (BFFood) por parte do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

A xornada foi inaugurada por Susana Ladra, directora do Campus Innova, e contou coa participación, entre outros, de Juan Carlos Galán, data consulting manager do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) quen destacou o catálogo de servizos de ITG como integrante do comité técnico da primeira edición de BFFood e explicou a experiencia de FlyThing, a startup do ITG.

En representación das empresas tractoras que acompañarán aos proxectos da aceleradora, atopábase José Miguel Rivero, director de fábricas de España do Grupo Calvo, que fixo fincapé nos sistemas de mellora continua e adaptación ao cambio e recoñeceu o interese da entidade en axudar a novas empresas e emprendedores “a crecer”, así como no intercambio de “ideas innovadoras” cos participantes na primeira edición desta iniciativa.

O acto contou ademais coa participación de Andrés Faíña, catedrático Jean Monnet de Economía Industrial Europea e director do Máster en Innovación e Estratexia Dixital, que explicou a importancia da metodoloxía lean startup para as persoas interesadas en poñer en marcha unha startup de forma áxil e asertiva e para todas aquelas empresas que queiran avanzar no seu sector.

Javier Osuna, responsable de BFFood e da área de innovación tecnolóxica en Clusaga, subliñou o papel da aceleradora ao contar con ideas e proxectos innovadores que acheguen a I+D+i ao sector alimentario, o cal se atopa entre os tres primeiros sectores do PIB galego.

A Business Factory Food está impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia e empresas de referencia na industria alimentaria galega. O seu obxectivo é atraer e impulsar proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, para facer fronte a nove retos expostos polas empresas do sector.

A recepción de candidaturas a esta primeira edición de BFFood finalizar o próximo 16 de maio. A inscrición pode realizarse a través da seguinte ligazón: http://bffood.gal/inscripcion

MÁIS INFORMACIÓN

ENTREVISTA A JAVIER OSUNA, RESPONSABLE DE BFFOOD EN RADIO CORUÑA-CADENA SER