×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
A  aceleradora do sector alimentario galego, Business Factory Food, abre a súa convocatoria

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presentou hoxe na Cidade da Cultura a Business Factory Food, a primeira aceleradora do sector alimentario de Galicia. Promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Sociedad Xestora de Entidades de Inversión de Tipo Cerrado (XesGalicia) e da Axencia Galega de Innovación (Gain), BFFood nace para impulsar e consolidar novas empresas que aporten solucións innovadoras ao mercado, afianzar o tecido empresarial e industrial do sector galego e atraer talento nacional e internacional.

O acto de presentación da aceleradora contou coa participación do presidente de Clusaga, Juan A. Vázquez Gancedo, que definiu a iniciativa como un “elemento dinamizador da innovación aberta e o emprendemento”, e do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, que fixo fincapé na calidade e o peso da industria agroalimentaria na economía galega e na oportunidade que BFFood supón tanto para favorecer o emprendemento neste sector, sobre todo no rural, como para impulsar a súa modernización, a través das novas tecnoloxías e a innovación.

Conde tamén explicou que esta nova iniciativa se suma ás aceleradoras sectoriais que Galicia ofrece en sectores como a automoción, a biotecnoloxía ou a aeronáutica e se integra na plataforma StartIN Galicia xunto con outras aceleradoras e coworkings que están posibilitando o desenvolvemento de 900 proxectos de emprendemento.

“Business Factory Food nace co obxectivo de buscar solucións aos retos reais das empresas do sector alimentario, mediante a procura das innovacións resgadas que nos permitan destacar no contexto global de competencia ao que nos enfrontamos”, concluíu Vázquez Gancedo.

Os xerentes de Clusaga e de BFFood, Roberto Alonso e Javier Osuna, pola súa parte, explicaron os pormenores do programa, cuxos detalles poden coñecerse en www.bffood.gal, e os retos aos que fai fronte esta primeira edición, cuxa convocatoria permanecerá aberta ata o próximo 16 de maio.

O evento acolleu ademais unha mesa redonda, moderada polo experto do Instituto Internacional San Telmo, José Antonio Boccherini, na que representantes de Nueva Pescanova, Calvo Conservas e CLUN Cooperativas Lácteas Unidas intercambiaron opinións acerca de “os retos do sector alimentario e a Industria 4.0”.

Seguimento e apoio especializado

A aceleradora conta co apoio de grandes empresas tractoras do sector, coma Calvo Conservas, Nueva Pescanova, Bodegas Martín Códax, Kiwi Atlántico, Clavo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Quescrem e Torre de Núñez. Entre as entidades colaboradoras atópanse, ademais, as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), que forman parte do comité técnico.

Os proxectos que participen no programa terán acceso a un ámbito especializado, con titores, formación, servizos, infraestruturas e medios técnicos especificamente concibidos para o seu desenvolvemento.