×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Consello Regulador do Mexillón de Galicia

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia iniciou as súas actividades en 1994, aínda que os traballos previos á súa constitución comezaron en 1989. O obxectivo do organismo foi, desde un principio, o fomento da calidade do mexillón galego.

Unha das primeiras iniciativas do Consello Regulador foi a solicitude, baixo os termos da normativa autonómica, do recoñecemento “Produto Galego de Calidade” para o mexillón de Galicia. Por entón, esta normativa aplicábase unicamente aos produtos agroalimentarios da terra, de forma que o mexillón converteuse no primeiro produto do mar en obter esa mención.

Novamente, o Mexillón de Galicia foi pioneiro na súa solicitude e converteuse no primeiro produto do mar en Europa en obter o distintivo de calidade “Denominación de Orixe Protexida”. No ano 2007, quedaba inscrita no rexistro da Unión Europea a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e actualmente é a única DOP para un produto do mar en España.

Desde entón, o Consello Regulador foi adquirindo unhas funcións perfectamente definidas e foi perfeccionando os seus sistemas de control de calidade. Paralelamente, a marca Mexillón de Galicia foi aumentando a súa notoriedade e prestixio entre produtores, comercializadores e consumidores.