×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Workshop cleanlabel de innovación en formulación de produtos adaptados as tendencias de consumo

Xornada C-Label

O workshop cleanlabel, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia e centrado na innovación en formulación de produtos alimentarios e bebidas adaptados as novas tendencias de consumo, reuniu nas instalacións do Feuga en Santiago de Compostela a empresas que engloban toda a cadea de valor do sector alimentario, dende os fabricantes de ingredientes, até a distribución; procedentes de diferentes lugares de España e do estranxeiro.

A xornada serviu como peche ao proxecto cleanlabel, coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia CLUSAGA e apoiado polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo MINETUR, que contou coa participación de varias empresas galegas punteiras en innovación, coa finalidade de desenvolver produtos cunha formulación máis saudable e libres de aditivos artificiais, para dar resposta á crecente demanda dos consumidores de alimentos máis naturais e saudables, e así, recuperar a súa confianza.

O obxectivo deste workshop foi a transferencia de resultados do proxecto, o traballo en rede e o intercambio de información co fin de identificar as oportunidades e potenciar o desenvolvemento de novos produtos alimentarios pola industria alimentaria española e europea que responda aos retos asociados á tendencia cleanlabel, a innovación en novas formulacións máis saudables e libres de aditivos artificiais.

Desenvolvemento do workshop

A inauguración do seminario correu a cargo de María Garrido, Directora de marketing de Bodegas Martín Códax, en representación do presidente do Cluster Alimentario de Galicia, Juan Vázquez Gancedo; e da Directora Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, Patricia Ulloa Alonso.

Daquela, os distintos relatores convidados abordaron nas súas exposicións aspectos técnicos fundamentais que se encadran en diferentes bloques temáticos: tendencias de consumo globais en alimentación e bebidas; solucións e ingredientes para o desenvolvemento de novos produtos; a innovación da industria adaptada as novas tendencias; e o punto de vista da distribución.

Os relatorios correron a cargo de analistas de tendencias e innovación de Mintel Ltd. Group; o responsable en España de Ingredion Products International, Inc.; e o Director Xeral de ACES (Asociación de Cadenas Españolas de Supermercados). Así como coas experiencias no eido das empresas participantes no proxecto: Innolact S.L., Customdrinks S.L e Feiraco Lácteos S.L.

O workshop contribuíu a que os asistentes comprobasen a importante repercusión da tendencia cleanlabel no mundo da industria alimentaria, e como tódolos elementos da cadea de valor están a tratar de dar resposta a este importante número de consumidores cada vez máis conscientes da importancia dunha dieta sa e máis esixentes en termos de calidade, seguridade e orixe dos produtos alimentarios.