×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Unha misión do Clúster Alimentario de Galicia visita a Food Valley Expo 2016

Presentación dos Food Valley Awards 2016

Dentro do programa de misións tecnolóxicas directas, unha delegación de representantes de cinco empresas e centros tecnolóxicos do Clúster Alimentario de Galicia visitou a Food Valley Expo, celebrada o 13 de outubro de 2016 en Arhnem (Holanda). A misión contou coa colaboración da European Enterprise Network.

A finalidade da misión foi coñecer de primeira man as últimas innovacións do sector alimentario, ademais de establecer novas relacións institucionais, intercambiar coñecementos e detectar oportunidades de colaboración a nivel Europeo coa visión do Horizonte 2020.

Food Valley

Food Valley é unha área na provincia holandesa de Gelderland onde as máis importantes multinacionais do sector alimentario, institutos e centros de investigación e a Universidade de Wageningen están concentrados. No val da alimentación preto de 15 mil profesionais traballan nas ciencias e tecnoloxías da alimentación orientadas á innovación. Food Valley constitúe un polo dinámico do coñecemento para a industria internacional de alimentos, creando as condicións para que os fabricantes de alimentos e institutos de coñecemento poidan traballar conxuntamente no desenvolvemento de novos e innovadores conceptos de alimentos e bebidas.

Food Valley Expo 2016

A Food Valley Expo é unha feira anual organizada por Food Valley NL en cooperación con outras organizacións orientadas á innovación no sector alimentario. O programa da Expo ofreceu un mostrario das máis novas tecnoloxías alimentarias, empresas innovadoras e clusters do sector. A participación na mesma da delegación galega permitiulle achegar visións prácticas, as últimas ideas innovadoras e ampliar a súa rede profesional, mediante obradoiros, exposicións, foros e encontros B2B, ademais de visitas.

Este evento anual consolidase coma o principal evento de networking alimentario de Holanda, unha cita para todos os profesionais do sector alimentario e industrias relacionadas, contando nesta edición coa presenza de máis 900 profesionais do sector a nivel global.

Esta edición centrouse en temas como innovacións en proteínas sostibles, nutrición personalizada, novas tecnoloxías alimentarias e seguridade alimentaria. Ademais da exposición, o programa incluíu presentacións sobre os últimos avances científicos así como as innovacións postas en marcha por parte de institucións e empresas.