×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Unha misión do CLUSAGA participa en Frankfurt na Health & Natural Ingredients Europe

Delegación empresarial galega na HI & NI Europe

O Clúster Alimentario de Galicia, co apoio do IGAPE, organizou, dentro do programa de misións tecnolóxicas para a innovación a visita dun grupo de cinco representantes de empresas galegas á Feira Health Ingredients & Natural Ingredients que tivo lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro na Frankfurt Messe. Esta Feira, referencia no sector, está centrada en ingredientes saudables e naturais para a industria alimentaria e das bebidas. O obxectivo era coñecer novas aplicacións e as últimas innovacións para a industria alimentaria.

A Feira Hi Europe & Ni

A Hi (Health ingredients) & Ni (Natural ingredients) é unha das maiores feiras especializada en ingredientes alimentarios. Nesta feira danse cita os principais provedores de ingredientes e céntrase sobre todo nas innovacións que se están desenvolvendo no eido dos ingredientes naturais e saudables.

Nesta edición, a feira foi visitada por preto de 10.000 persoas, dun total de 94 países diferentes. O interese da asistencia a esta feira débese ao seu enfoque tecnolóxico permitindo ademais a posibilidade de visitar empresas que xa teñen implementados procesos tecnolóxicos na súa produción. Na mesma pódense establecer ademais importantes contactos con empresas do sector e coñecer as últimas innovacións.

O interese da asistencia a esta feira ven dado pola posibilidade de visitar provedores de solucións para os desenvolvementos e innovación en alimentos e bebidas, establecer contactos con empresas do sector e crear unha rede de intercambio de coñecemento sobre as últimas innovacións e tendencias en saúde e nutrición. En particular en HI & NI Europa destacan os novos ingredientes e solucións para alimentos e bebidas, os procesos, a formulación / reformulación, os suplementos alimentarios e nutracéuticos e os produtos orgánicos e bio.

Nesta edición a feira integrouse na Semana da Saúde e a Nutrición, contando con presentacións dos mellores especialistas mundiais neste eido e ofrecendo oportunidades para a creación de redes, aprendizaxe social e oportunidades de negocio; así como o coñecemento das últimas tendencias na industria. Asemade, a delegación tivo a oportunidade de participar en distintas conferencias que se levaron a cabo durante os días da feira, orientadas a distintas fases do proceso de desenvolvemento de produtos e tendencias nunha visión totalmente integrada da industria alimentaria.

O Cluster participa no Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2016. Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2016.

Como apoio ao proceso de internacionalización, o Cluster Alimentario de Galicia, ten axuda concedida polo IGAPE para participar no Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2016, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo FEDER de Galicia 2014-2020. OT3. “Conseguir un tecido empresarial mais competitivo".

O obxectivo do Programa Exporta OOII 2016 é incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas. O resultado que se pretende é aumentar a base de empresas exportadoras e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.