×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Unha delegación de empresas galegas participa nunha misión directa do Clusaga á feira Anuga FoodTec

O Cluster Alimentario de Galicia organizou entre os días 20 a 23 de marzo unha misión directa á Feira Anuga FoodTec, referencia a nivel mundial en innovación alimentaria.

Unha delegación composta por 23 persoas pertencentes a 11 empresas socias do Cluster Alimentario visitou a Feira Anuga FoodTec nunha misión de estudo que se levou a cabo dos días 20 a 23 de marzo en Colonia, Alemaña.

Os asistentes, pertencentes maioritariamente aos departamentos de innovación de distintas empresas agroalimentarias, coñeceron de primeira man as innovacións e solucións tecnolóxicas para as distintas ramas da industria: láctea, pratos preparados ou mar-industria.

Anuga FoodTec

Anuga FoodTec é a feira líder de tecnoloxía dos alimentos e bebidas que se celebra cada tres anos en Colonia, Alemaña. Esta feira é a única feira comercial no mundo que cobre todo o espectro da produción de alimentos, desde o procesamento ata o envasado. Para a industria global de alimentos e bebidas, Anuga FoodTec é a plataforma líder de información e compras.

Asemade, con motivo deste evento organízase un programa de actividades e congresos co obxecto de facilitar os contactos e favorecer os intercambios entre distintas empresas.

Nesta edición de 2018 a Feira contou con máis de 1.600 expositores de 48 países. Asemade, máis de 50.000 visitantes de 152 países puideron coñecer as últimas novidades e innovacións da industria.