×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading

A Feira Internacional de Galicia Abanca (FIG) e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), representados polo director da primeira, Ricardo Durán, e polo xerente do segundo, Roberto Alonso, asinaron onte un acordo mediante o cal ambas as entidades pretenden incidir na profesionalización do vixésimo Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat) e potenciar os seus Encontros Internacionais de Compradores. A feira celebrarase no recinto do 9 ao 12 de xuño.

Feira Internacional de Galicia Abanca

En virtude do acordo subscrito, o Clúster Alimentario de Galicia dirixirá a organización destas reunións, ás que achegará a súa experiencia para seleccionar aqueles importadores máis importantes dos países con maior interese para a oferta presente no salón. Na mesma liña, achegará unha importante novidade, xa que deseñará axendas de visitas a fábricas nas que os importadores coñecerán de primeira man os centros de produción de diversas empresas alimentarias e adegas galegas. Será a primeira vez que leven a cabo estas visitas no seu marco.

Deste xeito, continúa dándose resposta ás achegas realizadas na pasada edición polo comité de expertos do certame, as cales incidían na importancia de fortalecer o carácter profesional da feira durante os dous primeiros días. Así mesmo, se maximizará a efectividade destas reunións de negocio coas que desde hai unha década Salimat ofrece ao sector alimentario unha importante plataforma de internacionalización, e que na pasada edición propiciaron 1.100 encontros entre 70 expositores e 28 importadores, distribuidores e restauradores dunha quincena de países.

Por outra banda, a través deste acordo preténdese tamén reforzar a parte expositiva de Salimat, para o que desde a entidade feiral incentivarase a presenza dos socios do clúster cun desconto para eles dun 30% no custo do espazo feiral. Ademais, nin a FIG nin Clusaga descartan levar a cabo outras formas de colaboración en prol do sector alimentario galego.