×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading

Finalidade / Obxectivo

Proxectos dirixidos a investimentos en maquinaria e outros bens de equipamento para ampliacións de capacidade, diversificación da produción ou cambio esencial no proceso de produción dun establecemento existente.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Sociedades mercantís con tamaño de pequenas e medianas empresas (pemes), que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.
  • Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise segundo a definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos de investimento en equipos produtivos, realizados por pequenas e medianas empresas, para ampliacións de capacidade, diversificación da produción ou cambio esencial no proceso de produción dun establecemento existente, que cumpran os seguintes requisitos:

1º O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 euros e inferior a 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

2º Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no Anexo II.

Cualificación requerida do proxecto

A porcentaxe da axuda establecerase de acordo cos seguintes criterios:

a) Dimensión da empresa: máximo 15%. Concederanse 15 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 8 puntos porcentuais no caso de medianas empresas.

b) Interese ambiental do proxecto: máximo 5%. Valorarase que conten con certificación ambiental. Concederanse 5 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 2 puntos porcentuais no caso de medianas empresas.

Inversións ou gastos computables

a) Maquinaria de proceso.

b) Instalacións específicas para a actividade subvencionable.

c) Equipos e medios de transporte interior.

d) Vehículos especiais de transporte exterior.

e) Medios de protección do ambiente asociados aos investimentos.

f) Outros bens de equipamento, entendendo como tales aqueles bens que forman parte dos activos fixos da empresa e interveñen directamente no proceso produtivo. Non se consideran bens de equipamento produtivo, as pezas de recambio nin os envases e embalaxes, aínda que sexan reutilizables.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 20% dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas, e ata o 10% no caso de medianas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 16 de decembro de 2016 ou no momento do esgotamento do crédito orzamentario.

Referencia lexislativa

Resolución do 28 de decembro de 2015 (DOG Nº247 do 29/12/2015) - Bases reguladoras e convocatoria 2016

Máis información

IGAPE. Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n 15703. Santiago de Compostela (A Coruña)
Tel. 902 300 903 / 981 541 147 . Fax: 981 558 844

Convocatoria