×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading

Finalidade / Obxectivo

O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de catro proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.

A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías especiais relacionadas coa Fábrica do Futuro e o concepto Industria 4.0, segundo os termos recollidos na Axenda de Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0

Tipos de apoio

Premios e axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán obter os premios os organismos intermedios que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

2. Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan a súa actividade no ámbito da nova industria.

Aos efectos destas bases, entenderase por:

  • Peme galega: As pequenas e medianas empresas, que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto e que desenvolvan a súa actividade empresarial nalgún dos ámbitos de actividade subvencionables.
  • Ámbito da nova industria: As actividades da industria manufactureira e as dos servizos á industria, segundo o concepto de nova industria definido na Axenda de Competitividade Industrial de Galicia.

Establécense as seguintes excepcións: empresas pertencentes ao sector do aceiro, o sector do carbón, o sector da construción naval, o sector das fibras sintéticas, o sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

3. Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia. A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos tres pemes galegas. En calquera caso, o organismo intermedio será nomeado representante único da agrupación, interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez fallado o premio, e concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da axuda.

4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio só poderá participar nunha agrupación. As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos, referíndose a conceptos distintos de Fábrica 4.0.

Inversións ou gastos computables

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, relacionados coa Fábrica do Futuro segundo se define no artigo 1.1. destas bases. A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable.

b) Colaboracións externas: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto.

As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

Os investimentos e gastos subvencionables das pemes participantes non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude por parte da agrupación no Igape.

Contía das axudas

Os apoios aos proxectos Piloto Fábrica 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes integrantes do mesmo:

a) Premio ao proxecto máis representativo do concepto de Fábrica 4.0. Cualificarase o proxecto máis representativo dunha determinada categoría sectorial, segundo a súa definición, desenvolvemento, características e condicións de execución, e que integrará a implementación de diversas solucións en todas e cada unha das pemes individuais participantes.

b) Subvencións aos investimentos e gastos en que consista a execución dos proxectos premiados.

  • As subvencións serán individualizadas para cada peme participante integrante dos proxectos premiados.
  • A subvención ás pemes participantes será do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas e do 25% para as medianas. Excepto a subvención sobre os gastos de colaboracións externas que será do 50%.
  • A subvención total concedida ao conxunto de pemes que participen ao abeiro de cada proxecto premiado non superará 1.000.000 de euros, incluíndo o premio e a cantidade variable correspondente ao organismo intermedio premiado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 26 de febreiro de 2016.

Referencia lexislativa

Resolución do 28 de decembro de 2015 (DOG Nº 247 do 29/12/2015) - Bases reguladoras

Máis información da convocatoria

IGAPE. Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n 15703. Santiago de Compostela (A Coruña)
Tel. 902 300 903 / 981 541 147 . Fax: 981 558 844

Convocatoria

Información adicional

O Clúster Alimentario de Galicia CLUSAGA en colaboración con ANFACO CECOPESCA están a configurar unha agrupación de empresas do sector alimentario coa finalidade de concorrer á convocatoria de axudas do IGAPE PREMIOS E AXUDAS AOS PROXECTOS PILOTO FÁBRICA 4.0 EN GALICIA 2016.

As empresas participantes poderán recibir axuda do IGAPE para a incorporación de tecnoloxías especiais relacionadas coa Fábrica do Futuro e o concepto Industria 4.0 para o desenvolvemento da implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos. Nesta liña asemade, incorporándose á agrupación, poderán recibir soporte na preparación da proposta individual, identificación de provedores de equipamento e sistemas e asesoramento tecnolóxico por parte de ANFACO e CLUSAGA.

Mais información no CLUSAGA na web ou en info@clusaga.org, no telefono 981556062 ou en ANFACO otri@anfaco.es ou no telefono 986 469 303.