×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Os produtos alimentarios galegos máis preto do mercado chinés grazas a unha misión comercial do Clusaga

Xuntanza co presidente da Xunta

O Clúster Alimentario de Galicia, en colaboración co IGAPE, realizou unha misión comercial inversa con China dos días 6 a 8 de Marzo. Durante eses días, catro representantes de empresas chinesas tiveron a oportunidade de visitar e coñecer as instalación de diversas compañías galegas e manter reunións con elas, nun primeiro movemento para establecer relacións comerciais que favorezan a ambas partes.

A misión comercial

A misión comercial tivo lugar durante a segunda semana de marzo de 2018, do día 6 ao 8. Durante estes días, os importadores puideron reunirse con representantes do goberno galego, logo dun primeiro contacto establecido durante a misión institucional que o presidente da Xunta de Galicia realizou a China en xuño do pasado ano.

Ademais, a delegación chinesa, conformada por representantes de catro das maiores empresas alimentarias do país, mantiveron reunións individuais coas empresas galegas, tendo a oportunidade de coñecer en varios casos as súas instalacións e produtos.

Visitáronse empresas de diferentes ramas da economía galega, entre elas productoras lácteas, empresas conserveiras, bodegas e viñedos.

O mercado de China

O xigante asiático ocupa o primeiro posto no ranking de exportacións mundiais por ser o país que conta coa maior poboación, coa maior clase media do mundo e coas mellores previsións de crecemento de gasto futuro.

Deste xeito China desbancou aos Estados Unidos (EEUU) como o país que máis oportunidades ofrece para exportar alimentos e bebidas, segundo un estudo realizado pola consultora Deloitte. O informe,”Vademecum on Food and Beverage Markets 2016” analiza os mercados con maiores oportunidades de exportación e negocio para as empresas do sector e identifica os máis atractivos. China ocupa o primeiro posto do índice de atractividade segundo este informe anual.

China foi o mercado onde máis creceron as exportacións españolas no ano 2017 (29,4% con respecto ó ano anterior): 5.788 millóns de euros en vendas ó país asiático dende xaneiro a novembro de 2017. No mesmo período do ano anterior España exportou a China 4.473 millóns de euros. Neste senso os principais produtos exportados dende España a China no ano 2016 foron: carnes frescas e conxeladas (12,3%), minerais e cinzas (10,9%), máquinas e aparatos mecánicos (9,1%), vehículos automóbiles e tractores (6,6%), materias plásticas (4,8%) e produtos farmacéuticos (4,6%).