×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Os Premios Galicia Alimentación 2016 destacan o valor dos emprendedores e pemes do sector

foto de grupo dos premiados e das autoridades

O Clúster Alimentario de Galicia celebrou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, a cerimonia de entrega da II Edición dos Premios Galicia Alimentación, e coma colofón ao Foro Galicia Alimentación 2016. O evento contou con mais de 200 representantes do sector empresarial e de organizacións e institucións relacionadas co sector alimentario de Galicia.

O acto foi presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acto no que tamén estiveron presentes varios membros do goberno autonómico, coas conselleiras do Medio Rural e do Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, así coma o Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, en representación da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A celebración dos premios ten como obxectivo incentivar a promoción dos produtos alimentarios e bebidas galegas, os proxectos e as empresas e institucións relacionadas, mellorar a súa imaxe e posición de forma que adquiran unha importancia relevante tanto dentro do sector alimentario, como da sociedade en xeral.

Os Premios Galicia Alimentación 2016

A segunda edición dos premios foi convocada o 6 de abril de 2016 e deu lugar á presentación de máis de 40 candidaturas nas diferentes categorías. O xurado, reunido o 13 de Maio de 2016, contou con representación da directiva do clúster, así como do Instituto Galego de Promoción Económica, a Axencia Galega de Innovación, as Consellerías de Sanidade, do Medio Rural, e do Mar, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela; tamén estiveron presentes representantes das tres entidades patrocinadoras, Galega de Distribuidores de Alimentación (GADISA), Gas Natural Fenosa e AC e dun representante en nome dos galardoados na pasada edición, Portomuiños. O resultado da elección foi:

O Premio ao Produto Innovador do Ano foi para a empresa Fiablone por calabizo, un embutido vexetal, no que se substitúen as proteínas e graxas animais por proteínas vexetais procedentes da cabaza e aceite de oliva. Destacando en particular á adaptación ás demandas do consumidor, en liña coa tendencia crecente nos últimos anos de novos substitutos da carne, intensificada por factores económicos, de saúde e éticos, asociadas a estilos de vida vexetariano – flexitariano - vegano. A nivel nutricional destácanse asemade as credencias de saúde con declaracións explícitas de alto valor nutritivo, baixo aporte calórico, fonte de fibra, e a ausencia de glute e lactosa.

Na categoría de Internacionalización, a galardoada foi a empresa Torre de Núñez, unha compañía que está no seu 50 aniversario e dedicada á elaboración de produtos cárnicos. Neste caso, o xurado destaca o valor do proxecto de internacionalización da empresa por ser un exemplo de PEME exportadora con alto potencial de crecemento. En particular, o valor do proxecto de internacionalización destaca no esforzo na planificación da prospección de mercados e promoción internacional acadando a consolidación de preto de 20 mercados internacionais. Por todo iso, sobresae a súa contribución á promoción da calidade e á imaxe dos produtos tradicionais galegos no exterior actuando así coma embaixadores de Galicia nos mercados exteriores.

En canto ao Premio ao mellor Proxecto Empresarial foi ex aequo para as empresas Kiwi Atlántico e Freshcut. Kiwi Atlántico é unha sociedade constituída no ano 1988 coma agrupación de kiwicultores, actualmente chega a máis de 90 produtores, desenvolvendo a produción cooperativa e a comercialización conxunta. O símbolo emprendedor dos primeiros socios e o dos que se foron incorporando ata hoxe ao equipo de Kiwi Atlántico foron capaces de posicionar a empresa a nivel internacional no seu sector. Destacando a política da empresa de calidade, responsabilidade social e ambiental que a empresa declara coma bases fundamentais da súa identidade e liderado. En canto, a Freshcut, é unha empresa dedicada á produtos de IV e V Gama, elaborados a partires de froitas, verduras, hortalizas e legumes frescas de primeira calidade. O valor máis destacado é a inclusión socio-laboral en canto a súa faceta de centro especial de emprego, buscando a integración laboral de persoas de colectivos especiais para a súa plena integración social.

Finalmente, esta edición contou co Premio Extraordinario Honorífico que lle foi outorgado por resolución da xunta directiva do clúster a José Luis Antuña Álvarez, director xeral de Feiraco Lácteos, en recoñecemento a súa traxectoria profesional e contribución en prol do sector alimentario galego en xeral e lácteo en particular. Jose Luis Antuña é director xeral de Feiraco desde 2005, a partir da súa constitución en 2012, é conselleiro delegado da Agrupación de Cooperativas Lácteas (CLESA). Foi presidente do Clúster Alimentario de Galicia e é actualmente presidente da sectorial láctea de Cooperativas Agroalimentarias de España e secretario da Organización Interprofesional Láctea.