×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Polo de Innovación Dixital do sector agroalimentario galego inicia a súa actividade

Hoxe tivo lugar o primeiro encontro de traballo do polo de innovación dixital (Digital Innovation Hub, segundo a terminoloxía que emprega a Comisión Europea) para o sector agroalimentario galego, espazo no que conflúen, o sector produtivo e transformador de alimentos e a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos, así como os centros de coñecemento e innovación, xeradores de solucións específicas para o sector.

O encontro, celebrado no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) de Santiago de Compostela, estivo presidido polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, e polo director xeral de Gradiant, Luís Pérez, así como por Enrique Rohrer, en representación da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Polo de innovación dixital do sector agroalimentario galego

No Polo conflúen, polo lado da demanda, distintas empresas e entidades relacionadas co sector produtivo e transformador de alimentos en Galicia aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e polo lado da oferta, un conxunto amplo de provedores tecnolóxicos e de servizos, así como de Centros de Coñecemento e Innovación de Galicia, xeradores de posibles solucións específicas.

Esta iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode obter beneficios específicos: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos, ou oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación de Galicia.

Na xuntanza de hoxe aprobouse a estrutura de goberno do Hub, encabezada pola secretaría técnica, que conforman Campus Terra e Gradiant. Asemade, Prospectiva e Intelixencia, Oferta e Demanda, Proxectos I+D+i, Produción Agraria, Produción Gandeira, e Industria Alimentaria son as denominacións que recibiron os seis grupos de traballo conformados, que, tal e como destacan os impulsores do Hub, deben erixirse en estruturas dinámicas que poden ir evolucionando e mudando a medida que avance o seu desenvolvemento.

O Clúster Alimentario de Galicia participará, no caso particular do grupo de traballo de Industria Alimentaria, coma dinamizador e coordinador das futuras actividades a desenvolver.