×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O mercado xaponés achégase a Galicia da man do Clúster Alimentario de Galicia

Reunión da delegación xaponesa co Director do IGAPE

O Clúster Alimentario de Galicia, co apoio do IGAPE, levou a cabo durante esta semana unha nova misión comercial inversa dentro do programa Meet the Buyer. Nesta ocasión, importadores especializados en produto gourmet procedentes de distintas rexións de Xapón, visitaron durante tres días diversas fábricas e adegas de Galicia e mantiveron entrevistas con empresas galegas interesadas en comezar a exportar ou afianzarse no mercado xaponés.

O mercado xaponés

Xapón, cunha poboación de 127,08 millóns de persoas, é a terceira economía do mundo e o cuarto importador mundial de mercadorías, por detrás de Estados Unidos, China e Alemaña. En 2015, o valor das exportacións españolas cara Xapón foi de 2.470.107,44 miles de €, dentro dos cales máis do 25% pertencen a produtos do sector alimentario e bebidas.

O seu mercado caracterízase pola súa especialización e onde a calidade do produto é un factor decisivo. En particular, as exportacións de produtos españois a Xapón concéntranse nos seguintes produtos: produtos cárnicos; graxas e aceites; bebidas; pescados, crustáceos e moluscos e froitas e legumes.

A misión comercial

A delegación xaponesa, constituída por representantes de catro empresas importadoras e distribuidoras de alimentos e viños, visitaron diferentes adegas das Denominacións de Orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra, así como diversas empresas do sector mar-industria. Así mesmo, a través das entrevistas organizadas puideron coñecer novas referencias de produtos diversos como froitos secos, pratos preparados ou licores.

Deste xeito a misión permitiu avanzar na mellora do posicionamento das empresas galegas e o seu recoñecemento no mercado nipón, un dos mercados estratéxicos no Plan de Internacionalización do Clúster Alimentario de Galicia para os vindeiros anos.