×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Clúster Alimentario de Galicia presenta a súa estratexia ata o 2020

Edelmiro López Iglesias expoñendo o Plan Estratéxico 2016- 2020

O Clúster Alimentario de Galicia vén de presentar hoxe publicamente o seu Plan Estratéxico 2016-2020 co que pretende acadar unha mellora da competitividade, maior creación de valor engadido e mellora do emprego. A presentación tivo lugar no ámbito do Foro Galicia Alimentación, coincidindo coa súa aprobación na Asemblea Xeral de socios.

A presentación correu a cargo de Edelmiro López Iglesias do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia IDEGA, investigador principal do equipo que redactou o Plan Estratéxico do Cluster Alimentario de Galicia 2016-2020. Na súa presentación describiu o panorama da evolución e da contorna do sector alimentario en Galicia, en particular coas ameazas e oportunidades presentadas e debullou a nova estratexia do Clúster Alimentario de Galicia co horizonte 2020.

O Plan Estratéxico do CLUSAGA 2016-2020 define uns obxectivos máis ambiciosos que o primeiro plan 2011-2015, e vén de obter a cualificación de excelencia por parte do Ministerio de Industria, Energía y Turismo, permitindo a súa inscrición no Registro Especial de Agrupaciones Empresariales Innovadoras (AEI).

A estratexia definida

O CLUSAGA elaborou, no seu momento, o Plan estratéxico 2011-2015. Concluído o período de vixencia do anterior plan, completado o seu obxectivo de consolidación do clúster, procedeuse a elaborar un novo Plan Estratéxico que orientase os proxectos e actuacións do clúster, para isto optouse por un exercicio de planificación a cinco anos.

A redacción final inclúe os obxectivos, eixes, medidas e carteira de proxectos do período 2016-2020, xunto co orzamento previsto para posibilitar a súa implantación. Así coma a consolidación das estruturas de goberno e xestión e os mecanismos e indicadores de seguimento, avaliación e actualización do plan.

Os obxectivos, eixes e o impacto do plan estratéxico

O Clúster define o seu Plan Estratéxico en cinco obxectivos estratéxicos orientados a desenvolver a cultura de innovación, impulsar a creación de valor, mellorar a produtividade e sustentabilidade, reforzar o posicionamento nos mercados e potenciar a cooperación.

O Plan Estratéxico do CLUSAGA 2016-2020 estrutúrase en catro eixes xa sinalados, xerarquizados segundo o seu papel na consecución dos obxectivos. Deste xeito, defínense dous eixes de actuación centrais: o impulso da I+D+i e reforzo da capacidade innovadora; e os mercados e internacionalización, acceso a novos mercados e adaptación ás tendencias do consumo. Recóllese un eixe dinamizador horizontal: capital humano, emprendemento e avance cara a fábrica do futuro; e un eixe instrumental de consolidación e proxección do Clúster Alimentario de Galicia.

Eses 4 eixes concrétanse nas 19 medidas que engloban as liñas de actuación previstas e cuantifícanse en indicadores de execución e indicadores de resultados e impacto

Asemade, o plan pretende contribuír aos obxectivos e retos definidos no plan estratéxico de Galicia cun impacto económico social estimado en:

  • Incremento do nº de empresas innovadoras (15%) e do volume de recursos dedicados á innovación (20%). Incremento do investimento en TICs (25%).
  • Aumento do ratio VEB/ Produción (>22%). Crecemento da porcentaxe de empresas exportadoras (20 puntos) e do volume de exportacións (10% anual).
  • Incremento de empregos de titulados superiores (20%). Incremento da produtividade do traballo (3% anual).

Plan Estratéxico Clusaga 2016 2020