×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Cluster Alimentario de Galicia participa na xornada de presentación do proxecto Nutriage

O proxecto europeo Nutriage, que busca aumentar a calidade de vida das persoas de avanzada idade, foi presentado este martes nun acto presidido polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rei Varela, xunto ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño.

Na súa intervención, Rei Varela destacou que Nutriage pretende conseguir "unha madurez saudable e mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través dunha nutrición sa e equilibrada". "O que buscamos é asegurar aos nosos maiores unha vida saudable e activa tendo en conta un factor determinante como é unha alimentación equilibrada, adaptada ás súas necesidades e fundamentada na dieta atlántica", explicou. Respecto diso, insistiu en que o obxectivo pasa por mellorar os hábitos alimenticios para previr enfermidades, así como incentivar o crecemento e a creación dean novas oportunidades para a industria alimentaria.

Na presentación do proxecto, que coordina Melchor Fernández, tamén participou o reitor da USC, Juan Viaño, quen considerou que a resposta aos retos actuais da sociedade requiren "unha aproximación global" que só pode atoparse na "intersección" de distintos campos da investigación. "O desafío do envellecemento require innovación social e novas formas de afrontar a realidade e unha resposta multidisciplinar", destacou Viaño. Así, explicou que, entre outras cuestións, este proxecto contempla o deseño de estratexias nutricionais personalizadas para as persoas de idade avanzada, fundamentadas na alimentación tradicional atlántica e no deseño de novos alimentos e suplementos nutricionais.

O proxecto Nutriage

O proxecto Nutriage conta cun orzamento total de 3,5 millóns de euros, dos cales o 75% son financiados pola Unión Europea ao abeiro do programa de cooperación interterritorial Interreg V 2014-2020 e no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Os socios participantes nesta proposta son, por parte de Galicia: a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, o Clúster Alimentario de Galicia e o Centro Tecnolóxico Anfaco-Cecopesca. Por parte de Portugal, as entidades implicadas nesta acción son a Universidade Católica Portuguesa de Porto, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Portugal Foods e as Casas da Misericordia de Porto e Viana do Castelo.

O obxectivo do proxecto é, asegurar un envellecemento saudable a través da avaliación, estudo e deseño de estratexias nutricionais personalizadas fundamentadas sobre a alimentación tradicional atlántica e o desenvolvemento de novos produtos alimentarios que optimicen o estado nutricional das persoas maiores favorecendo a mellora da calidade de vida das persoas maiores a partir da nutrición, reforcen a sustentabilidade e eficiencia do sistema socio-sanitario e incentiven o crecemento e a xeración de novas oportunidades de negocio para a industria alimentaria.