×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Clúster Alimentario de Galicia organizou, en colaboración co IGAPE, unha misión comercial inversa con Xapón

O Clúster Alimentario de Galicia organizou, en colaboración co IGAPE, unha misión comercial inversa con Xapón no mes de novembro. Nesta ocasión participaron catro importadores que tiveron a oportunidade de coñecer varios produtos da nosa ampla oferta alimentaria e visitar algunhas destas industrias.

A misión comercial

A misión comercial desenvolveuse entre o 21 e o 23 de novembro. Durante a misión, combináronse visitas a fábricas e empresas de alimentación con encontros individuais entre os compradores e as empresas galegas.

Visitáronse varias empresas galegas do sector marítimo, xa que unha das empresas visitantes é unha das líderes na importación e distribución de peixe e marisco conxelado en Xapón. As outras dúas empresas amosaron un amplo interese en produtos alimentarios galegos coma o viño, cárnicos, froitas e verduras, etc. polo que tamén se realizou unha visita a unha bodega e a unha empresa cárnica, así coma varias reunións con provedores de diferentes sectores.

A visita desta delegación de Xapón supuxo unha oportunidade para as empresas agroalimentarias galegas interesadas en exportar ao mercado nipón.

O mercado de Xapón

Xapón, cunha poboación de 127,08 millóns de persoas, é a terceira economía do mundo e o cuarto exportador e importador mundial de mercadorías, por detrás de Estados Unidos, China e Alemaña.

España foi para Xapón o sexto subministrador entre os países da UE. O valor das exportacións españolas practicamente duplicouse desde o comezo da crise, pasando de 1.213 millóns € en 2009 a 2.406 millóns € en 2016.

Con respecto aos produtos españois máis importados por Xapón temos que os produtos alimentarios ocupan a segunda posición segundo o valor das exportacións; de feito, máis do 25% do valor total das exportacións españolas a Xapón son de produtos de alimentación e bebidas. Os produtos máis exportados foron os produtos cárnicos (sobre todo porcino e particularmente xamón), viño, aceite de oliva e peixe, crustáceos e moluscos.