×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Clúster Alimentario de Galicia analiza os retos na comercialización de produtos do mar

Presentación da xornada Os retos na comercialización e promoción de produtos do mar

A xornada Os retos na comercialización e promoción de produtos do mar, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia e celebrada hoxe en Santiago de Compostela, centrouse nos desafíos actuais aos que se enfronta o sector ante a globalización da economía e a agresiva competencia, que fan necesario que, especialmente os pequenos produtores e transformadores, sexan capaces de darlle valor engadido ás súas marcas e diferenciarse da competencia, agregar valor e conectar cos seus consumidores.

Co fin de mellorar o coñecemento neste eido e como o mercado está a desenvolverse, o Clúster Alimentario de Galicia organiza esta xornada soportada pola Consellería do Mar co apoio do Fondo Europeo de Pesca que asemade é o peche do servizo de apoio á comercialización e promoción de produtos do mar que se veu desenvolvendo dende outubro.

O obxectivo da xornada de traballo era obter unha visión en profundidade sobre as tendencias e oportunidades na comercialización de produtos do mar ao longo da cadea de valor e analizar os valores que o consumidor demanda en produtos de calidade certificada e orixe auténtica, respectuosos co ambiente, saudables, cun valor gastronómico e ao mesmo tempo convenientes.

O workshop

A xornada foi inaugurada por Antonio Rodríguez, Subdirector Xeral de Pesca e Mercados da Pesca, que expuxo os programas e instrumentos de apoio da Xunta, en particular os programas de promoción de apoio ao conxunto do sector para o acceso a novos mercados e a comercialización exterior.

Os relatorios estiveron encadrados en dous bloques. Por unha banda contou coa presenza de relatores de entidades que actualmente están traballando en diferentes eidos da cadea de valor dos alimentos de orixe mariño, dende as súas respectivas entidades como Laura Rodríguez, responsable de MSC para España, que resaltou a importancia da sustentabilidade coma valor engadido; Hildegunn Fure Osmundsvåg, Directora en España do Consello de Produtos do Mar de Noruega, que comentou a importancia do desenvolvemento cooperativo dunha marca e promoción conxunta; así coma María Luisa Álvarez, Directora adxunta de FEDEPESCA, que se centrou nas tendencias de consumo e innovación na comercialización.

No segundo bloque contouse cunha mesa redonda de expertos nos eidos relacionados co elo final da comercialización, o consumidor. Analizándose dende o ámbito lexislativo, a cargo de Carlos Ruiz, responsable de coordinación lexislativa de ANFACO CECOPESCA; a mercadotecnia, por parte de Elisa González, directora de Artenova Comunicación; e a trazabilidade por parte de Jesús Amieiro, Director técnico de Quadralia.

Na conclusión da xornada Roberto Alonso, xerente do Clúster Alimentario de Galicia presentou os resultados do servizo de apoio á comercialización e promoción de produtos do mar, incluídas a guía de boas prácticas e as ideas gañadoras do concurso Packaging Design Competition, que permitiu incorporar as ideas innovadoras dos estudantes de deseño á innovacion na comercialización dos produtos do mar por parte das empresas participantes no servizo.

Coma peche institucional, Juan Maneiro, Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, clausurou a xornada mostrando o claro compromiso da Consellería co sector que se traduce en accións coma o servizo de apoio á comercialización e promoción de produtos do mar do cal se beneficiaron 15 entidades e empresas do sector mariño nesta primeira edición.