×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Cluster Alimentario de Galicia analiza o novo paradigma da industria 4.0 no sector alimentario

Participantes no programa formativo industria 4.0

Hoxe celebrouse en Santiago de Compostela a xornada inaugural do Programa de Capacitación en Industria 4.0 no sector alimentario, no que participarán 15 empresas socias. O Programa organizado polo Clúster Alimentario de Galicia, conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica IGAPE na liña de formación en industria 4.0.

Nesta primeira xornada os asistentes puideron coñecer da man de INOVA, consultora especializada na innovación e mellora dos procesos industriais, entre outros aspectos: os principios de Lean 4.0 como converxencia de Lean tradicional e a Industria 4.0, a estrutura dunha transformación dixital Lean 4.0, o funcionamento e características dos Manufacturing Execution Systems (MES), o posible impacto deste novo paradigma nos departamentos de produción, calidade e mantemento, así como algúns casos de éxito da súa aplicación no sector alimentario.

O programa formativo

As empresas galegas enfróntanse a importantes retos e oportunidades ante o novo paradigma da industria 4.0. En resposta á necesidade das empresas de contar con persoal cualificado para afrontar estes novos retos, o Clúster Alimentario de Galicia planificou un programa de capacitación dirixido ás empresas asociadas coa finalidade de obter un maior coñecemento sobre as tecnoloxías habilitadoras da industria 4.0.

Para desenvolver este programa formativo contarase cun panel de expertos de diferentes centros tecnolóxicos e consultores expertos: Inova, Aimen, Ainia, e Gradiant, que acompañarán durante os vindeiros meses aos participantes no programa co obxectivo de capacitalos nas últimas tecnoloxías e recursos existentes en Industria 4.0.

O programa contempla un total de 49 horas de duración nas modalidades presencial, online e incompany e divídese en 10 bloques temáticos nos que se exporán diferentes aspectos sobre industria 4.0 desde o punto de vista do sector alimentario e das bebidas. Os temas a analizar inclúen a transformación dixital e Lean 4.0. MES; sistemas ciberfísicos, internet industrial das cousas e ciberseguridade; robótica; realidade virtual, realidade aumentada e simulación; fabricación aditiva (impresión 3d), loxística intelixente; big data e análise de datos cloud; innovación aberta, soporte á innovación e intelixencia competitiva.