×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Clusaga promotor dos HUBs de innovación dixital en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou esta mañá en Santiago de Compostela, durante a clausura dunha xornada sobre os hubs de innovación dixital organizadas pola Xunta, que serán un instrumento estratéxico capaz de impulsar os principais sectores económicos de Galicia.

O obxectivo da xornada era presentar o modelo de hubs que Galicia vai apoiar e dar a oportunidade de expoñer os seus proxectos a todos os axentes do sistema galego de innovación que presentaron as súas manifestacións de interese. Neste sentido, as oito propostas estaban enfocadas cara a Industria 4.0 e o sector bio, dous eidos nos que Galicia conta cun gran potencial e unha importante oportunidade para competir nos mercados globais.

O CLUSAGA colidera dous hubs, en colaboración con outras organizacións e empresas, unha proposta por cada unha das áreas nas que o sector industrial galego mostra a ocasión de ser máis competitivos.

Conde avanzou que nas próximas semanas se publicará a convocatoria para desenvolver os primeiros hubs co obxectivo de resolvela antes de que finalice o ano e explicou que se valorará especialmente a súa contribución ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS 3). Os proxectos seleccionados contarán cun recoñecemento da administración que lles permitirá acceder aos apoios rexionais que se poñan en marcha e a formación e acompañamento por unha consultora especializada.

Neste contexto, o CLUSAGA, como representante do sector da alimentación, industria que explica o 14% do PIB de Galicia, incide na importancia de ser impulsores da innovación, non só pola competitividade do sector se non tamén polo crecemento económico da rexión, con este fin as propostas nas que colabora alíñanse á perfección cos eixos da estratexia RIS 3.

O obxectivo deste novo instrumento é consolidar proxectos sostibles que sitúen Galicia no primeiro plano da innovación permitindo que as novas tecnoloxías innovadoras cheguen a todas as empresas e se sumen á 4ª revolución industrial. Neste sentido, incidiu en que en tan só dez anos, 3 de cada 5 pemes desaparecerán se non se incorporan ao proceso de dixitalización polo que é fundamental apostar pola innovación e a Fábrica Intelixente.

Así, lembrou a importancia de que Administración, coñecemento e industria traballen xuntos: “O hub será un instrumento clave para conseguir que o coñecemento dea resposta ás necesidades do tecido produtivo. Este marcará os retos e o sistema de innovación dará as respostas para incorporar as novas tecnoloxías nas estratexias das pemes”, afirmou.