×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O Clusaga presenta o proxecto INCluSilver na afamada feira Food Valley Expo 2017

O Clúster Alimentario de Galicia participou como poñente na Food Valley Expo 2017 presentando o proxecto de nutrición personalizada en poboación sénior INCluSilver.

A Food Valley está considerada como unha das feiras más importantes do sector alimentario no mundo. O evento está dirixido a todos os profesionais e industrias deste campo, e ofrece visións prácticas e ideas innovadoras que permiten ampliar a rede profesional dos participantes mediante foros, encontros B2B, talleres, exposicións ou visitas de negocios. Nesta decimoterceira edición, os temas centrais que vertebran as diferentes actividades son as innovacións en proteínas sustentables, as novas tecnoloxías en seguridade alimentaria ou a nutrición personalizada.

Neste último apartado destacou a presenza do Clúster Alimentario de Galicia, da man do seu Xerente, Roberto Alonso, que participou nun relatorio sobre o proxecto INCluSilver, o cal busca aproveitar as oportunidades relacionadas coa nutrición personalizada e a economía sénior, a través do reforzo da innovación en produtos e servizos de distintos sectores, orientada ao segmento poboacional de máis de 50 anos. Na exposición estivo acompañado por Nikolai Milman, do Clúster Alimentario de Dinamarca.

Food Valley

Food Valley é unha área na provincia holandesa de Gelderland onde as máis importantes multinacionais do sector alimentario, institutos e centros de investigación e a Universidade de Wageningen están concentrados. No eido da alimentación preto de 15 mil profesionais traballan nas ciencias e tecnoloxías da alimentación orientadas á innovación. Food Valley constitúe un polo dinámico do coñecemento para a industria internacional de alimentos, creando as condicións para que os fabricantes de alimentos e institutos de coñecemento poidan traballar conxuntamente no desenvolvemento de novos e innovadores conceptos de alimentos e bebidas.