×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O CLUSAGA participará no proxecto europeo TITTAN no eido da innovación na saúde

presentación do proxecto TITTAN na sede da Consellería de Sanidade

O proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network) establecerá unha rede de intercambio de coñecemento con sete rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da saúde.

Coordinado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), pretende que os seus membros compartan boas prácticas para fomentar a innovación cara os sistemas sanitarios, como é o caso da Compra Pública Innovadora. TITTAN tamén busca impulsar a transferencia de tecnoloxía dende os sistemas sanitarios ao paciente e involucrar á cidadanía na xestión do envellecemento e da saúde mediante o uso de hábitos, produtos e tecnoloxías innovadoras.

O proxecto financiado a través do Programa Interreg Europe foi presentado hoxe na sede da Consellería de Sanidade pola directora de ACIS, Sonia Martínez Arca; a directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Pilar Morgade; a presidenta do Clúster da Saúde, María Gómez-Reino; a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial Das Ciencias Da Vida (BIOGA), Carme Pampín; e o xerente do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), Roberto Alonso.

Os socios do proxecto

Baixo o liderado de ACIS participan nesta iniciativa outras organizacións de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardía, en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia, en Alemaña); o Digital Health & Care Institute (DHI de Escocia, en Reino Unido); a Lower Silesian Voivodeship Marshal Office (LSVMO da Baixa Silesia, en Polonia); e a Cidade Amsterdam, nos Países Baixos.

Ademais, en colaboración con ACIS, Sergas e coa Consellería de Sanidade, participan no proxecto coma socios galegos a Axencia Galega de Innovación (GAIN); o Clúster de Saúde e o de Ciencias da Vida e o Clúster Alimentario de Galicia.

O obxectivo do proxecto TITTAN

O proxecto, que conta cun orzamento de case 1,7 millóns de euros de fondos europeos de INTERREG EUROPE, divídese en dúas fases. A primeira céntrase no intercambio de boas prácticas entre os socios do consorcio e no deseño dun plan de acción por parte de cada un deles, incluíndo a realización de informes de avaliación, cinco talleres interrexionais e visitas entre os socios. A segunda fase, de implantación dos plans elaborados, ten como obxectivo ofrecer o desenvolvemento e institución de políticas innovadoras no campo do envellecemento activo.