×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O CLUSAGA organiza a primeira reunión dentro do marco de actividade do proxecto Nutriage

O Clúster Alimentario de Galicia organizou o pasado 20 de xullo a primeira reunión dentro da actividade do proxecto Nutriage, centrada no deseño e desenvolvemento de produtos alimenticios destinados á poboación de idade avanzada, así como no deseño da estratexia de intervención nutricional nas residencias de persoas maiores, analizando aqueles aspectos a realizar para que dita intervención sexa un éxito e mellore a saúde do colectivo.

NUTRIAGE Solucións Avanzadas para un Envellecemento Saudable a Través da Nutrición ten coma obxectivo a xeración de solucións avanzadas en investigación e innovación, orientada á demanda de novos produtos adaptados, para mellorar a calidade de vida das persoas maiores na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Nesta reunión participaron Roberto Alonso, Xerente do Clúster Alimentario de Galicia, e Ana Felgueiras, responsable de Proxectos Europeos. Asemade estiveron presentes membros de PortugalFoods, ANFACO-CECOPESCA, Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

O punto principal foi a posta en común dos obxectivos e tarefas da acción a desenvolver, establecendo ademais un calendario de traballo, así como os roles e responsabilidades de cada un dos participantes. A metodoloxía utilizada para a execución da acción basearase na análise de datos e revisión de informes resultados das accións anteriores, así como a consulta de bases de datos internacionais específicas de novos produtos.

Ademais, esta acción contará coa realización de diferentes probas en laboratorios co fin de analizar as propiedades químicas e físicas dos alimentos, así como controis microbiológicos, analítica de compostos bioactivos (prebióticos, probióticos, antioxidantes, w3, fibras etc.), controis bromatológicos e análises nutricionais incluídas perfís lipídicos, etc. dos produtos adaptados para persoas maiores, probas sensoriais para medir aceptación de produto final e unha demostración piloto de fabricación de produtos adaptados para maiores en planta piloto.

Para a optimización de produtos existentes, primeiro crearase unha BDs de produtos funcionais adaptados para maiores baseándose non só nos coñecementos dos participantes na acción, senón que se profundará no coñecemento destes mediante a utilización de bases de datos internacionais (Mintel Market Sizes sobre segmentación de mercados e a Base de datos Global de Novos Produtos, GNPD).

Asemade, para o desenvolvemento destes novos produtos utilizaranse ferramentas comúns de deseño de produtos e procesos alimentarios tales como matrices de decisión, análise modal de fallos e efectos (AMFE), análises de puntos críticos (APPCC).

A avaliación da viabilidade técnica, económica e comercial da fabricación de produtos adaptados para maiores e dos seus procesos en plantas de proceso estándar levará a cabo a partir da realización dunha análise de mercado para cada un dos produtos seleccionados. Realizarase o estudo de custos de produción, análise económica do investimento en función das expectativas de vendas, a definición de limiares de rendibilidade (prezos e niveis de vendas) e a comparación con outros produtos funcionais.