×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
O CLUSAGA colabora nos Encontros Internacionais do Salón de Alimentación do Atlántico

visita a unha das empresas dos importadores

O Clúster Alimentario de Galicia vén de participar no Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2016, celebrado do 8 ao 10 de xuño, colaborando na organización dos Encontros Internacionais, en particular, na selección dos importadores internacionais e compradores nacionais con maior interese para a oferta alimentaria presente no salón.

Salón de Alimentación do Atlántico. Salimat

O Salón de Alimentación do Atlántico celebrouse do 9 ao 12 de xuño no recinto Feiral de Silleda, afianzando a súa efectiva proposta de contacto coa distribución e o consumidor. Dende a súa ampla experiencia, na súa vixésima edición, este salón apostou en 2016 por maximizar os seus aspectos clave tales como a área expositiva para mostrar de forma singular os produtos alimentarios galegos, o programa de eventos para descubrir novidades e poñer en común, e os encontros de compradores para abrir mercado e chegar a tódolos tipos de demanda.

O programa de encontros e visitas de negocio

As axendas de reunións celebráronse os días 9 e 10 de xuño con reunións entre empresas de alimentación que expuxeron os seus produtos no certame e importadores, distribuidores e restauradores a nivel internacional centrada nesta edición en Latino-América, con representación de tres países: Colombia, México, Brasil e en Europa, nos Países Baixos: Holanda e Bélxica.

A delegación completouse con distribuidores españois de seis empresas nacionais da canle Horeca (Hostalería e restauración) e tres cadeas de distribución Gadisa, Vegalsa-Eroski e Carrefour. A presenza destas últimas supuxo unha importante novidade para os encontros, xa que a participación por primeira vez de importantes cadeas de distribución representou unha importante oportunidade comercial para os expositores.

Outra importante novidade foi o programa complementario de visitas a fábricas e bodegas nas que os compradores coñeceron de primeira man os centros de produción de diversas empresas alimentarias, en particular, do sector gourmet e varias bodegas galegas.

Deste xeito, as empresas participantes puideron mostrar directamente as súas propostas aos compradores a través de visitas e reunións axendadas, na que se definiron, en moitos casos, boas expectativas en canto a conseguir acordos comerciais.