×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Empresas biotecnolóxicas e alimentarias exploran novas oportunidades de colaboración

Foto de grupo dos participantes no encontro

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), coa colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), organizaron a cuarta edición do BioSpeed Dating 2016. A cita tivo lugar o día 26 de maio no edificio CIMUS de Santiago de Compostela, onde ao longo de toda a xornada desenvolvéronse actividades enfocadas ao networking entre empresas alimentarias e biotecnolóxicas.

O obxectivo desta cuarta edición foi conectar dous sectores fundamentais, a biotecnoloxía e a alimentación, co fin de fortalecer a colaboración e traballo entre empresas na I+D+i ou produción, identificando novas oportunidades de mercado.

A xornada

A inauguración da xornada foi presidida por representantes de Bioga, Gain e Clusaga que insistiron en apostar pola colaboración entre os dous sectores estratéxicos coa finalidade de maximizar a eficiencia dos procesos e incrementar o valor dos produtos ou xerar outros novos.

A inauguración foi seguida por unha mesa redonda para comentar casos de éxito de empresas de ámbolos dous sectores. Esta mesa estivo conformada por dúas empresas do sector alimentario, Queizúar, e biotecnolóxico, Glecex, que tiveron a oportunidade de explicar de primeira man o desenvolvemento de procesos innovadores.

O final da xornada reservouse para as reunións “one to one”, onde participaron 32 axentes biotech e alimentarios. Estas reunións “one to one”, a esencia do BioSpeed Dating, foron encontros de dez minutos que posibilitaron ás empresas de ambos sectores coñecerse e detectar inicialmente oportunidades de colaboración.