×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Eficiencia enerxética e sustentabilidade, claves para o futuro da industria alimentaria

Presentación da xornada

No día de hoxe tivo lugar a Xornada Técnica de Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade Ambiental na Industria Alimentaria na sede de FEUGA, en Santiago de Compostela, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia conxuntamente con EnergyLab, Centro tecnolóxico de eficiencia e sustentabilidade enerxética.

A industria alimentaria é un dos sectores relevantes desde o punto de vista do consumo enerxético e de recursos. Por tanto, a redución do uso de combustibles e enerxía, a diminución de emisións contaminantes, a aplicación de produtos e procesos de eco-innovación e bioenerxía, e o emprego de enerxías alternativas que contribúan a mellorar a eficiencia enerxética, son medidas que calquera industria debe considerar prioritarias na súa estratexia empresarial.

O workshop

Nesta liña a xornada tiña coma obxectivo mellorar a información sobre estes aspectos nas industrias de alimentación e bebidas, a fin de garantir e fomentar a súa competitividade, mellorar a seguridade da subministración enerxética e garantir a produción sustentable en Europa. Asemade, informar ás empresas sobre ferramentas que lles permitan adaptar estas tecnoloxías e medidas de mellora da eficiencia enerxética e implantación de enerxías renovables na industria.

A xornada contou con diversos relatorios nas temáticas de interese para as industrias. O primeiro relatorio correu a cargo do Director de Bioquat, José Enrique Vázquez, que falou da importancia dunha correcta diagnose enerxética en plantas industriais do sector alimentario. A continuación, o Director Técnico de Industria de EnergyLab, Juan Rodríguez, presentou as posibilidades de mellorar a eficiencia enerxética na industria alimentaria a través da monitorización, seguimento e análise enerxética das súas instalacións.

Posteriormente, o Investigador principal de Edificación e Industria de EnergyLab, Gerardo Rodríguez, falou da recuperación da calor residual nas instalacións da industria de alimentación e bebidas, e o Director Técnico de Mobilidade e Enerxías Alternativas de EnergyLab, falou das posibilidades de redución do impacto ambiental nesta industria a través da valorización dos residuos xerados en planta.

A continuación, a Técnica-Investigadora de Edificación e Industria de EnergyLab, Tania González, presentou os conceptos nos que se basea a análise de ciclo de vida e a pegada de carbono dunha industria, e os proxectos desenvoltos neste ámbito.

Asemade a Industria 4.0 foi analizada na xornada. Os investigadores responsables de IoT do Centro Tecnolóxico Gradiant, Daniel Coego e Juan Rodríguez de EnergyLab, presentaron o relatorio titulado Industria 4.0: enerxía, IoT e sensorización. Para finalizar a xornada, Sergio del Río, concluíu resumindo os proxectos máis destacados de EnergyLab aplicables nesta industria.