×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) vén de publicar as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos Piloto Industria 4.0 (II Piloto Industria 4.0) en Galicia, cofinanciados polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Obxecto:

O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio en réxime de concorrencia competitiva a un máximo de seis proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.

A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías relacionadas coas tres seguintes categorías:

- Industria 4.0 sectorial

- Fábrica Virtual

- Tic Industrial.

Beneficiarios:

1. Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:

a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos que non persigan a obtención de beneficios.

2. Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan a súa actividade no ámbito da nova industria.

3. Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia. A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos tres pemes galegas.

4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio só poderá participar nunha agrupación para cada unha das categorías definidas no artigo 1.2.a. As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos, referíndose a conceptos distintos de Fábrica 4.0.

Tipos de actuacións financiables:

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

i) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, relacionados coa Fábrica do Futuro segundo se define no artigo 1.1. das bases.

ii) Colaboracións externas: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto.

Importe da financiación:

Os apoios aos proxectos piloto Industria 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes integrantes do mesmo:

a) Premios aos catro proxectos sectoriais máis representativos na categoría de Industria 4.0 sectorial, premio ao mellor proxecto na categoría Fábrica Virtual e premio ao mellor proxecto na categoría TIC industrial. Poderanse premiar un máximo de 4 proxectos de sectores ou ámbito de negocio diferentes en cada unha das categorías. A contía máxima do premio será de 25.000 cada un e placa conmemorativa. O premio outorgaráselle ao organismo intermedio líder da agrupación. Os premios son acumulativos por categorías, de xeito que un mesmo organismo poderá resultar premiado por unha ou máis categorías.

b) Subvencións aos investimentos e gastos en que consista a execución dos proxectos premiados.

1º As subvencións serán individualizadas para cada peme participante integrante dos proxectos premiados.

2º A subvención ás pemes participantes será do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas e do 25% para as medianas. Excepto a subvención sobre os gastos de colaboracións externas que será do 50%.

3º A subvención total concedida ao conxunto de pemes que participen ao abeiro de cada proxecto premiado non superará 1.000.000 de euros.

Prazo de realización das actuacións:

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de xuño de 2018.

Prazo:

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 6 de febreiro e rematará o 3 de maio de 2017.

Referencia lexislativa:

Resolución do 27 de xaneiro de 2017 (DOG Nº 24 do 3 de febreiro de 2017). Bases e convocatoria 2017

Máis información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47

- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

Convocatoria