×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
As empresas galegas máis próximas ao mercado colombiano a través da misión comercial do Clusaga

O Clúster Alimentario de Galicia realizou, en conxunto co IGAPE, unha misión comercial inversa con Colombia. Dous importadores e distribuidores de produtos alimentarios e bebidas colombianos visitaron durante tres días a empresas galegas de alimentación interesadas en exportar ao país sudamericano.

Destaca no marco desta misión a amplitude xeográfica que cubren estes dous importadores. Por unha banda, un distribuidor con sede en Bogotá enfocado a grandes superficies, sector Horeca e tendas especializadas. E por outra un importador de bebidas enfocado no sector HORECA.

A misión comercial

A Misión inversa de Colombia desenvolveuse entre o 25 e o 27 de setembro e contou coa presenza de dous importadores colombianos, que durante tres días visitaron diferentes industrias e bodegas de toda a xeografía galega. Asemade foron realizados diversos encontros de negocios con estes importadores.

Durante os días da misión percorréronse varias fábricas galegas do sector mar-industria, vitivinícola e cárnico, xa que esencialmente estaban interesados en ampliar produtos destes sectores.

A visita a Galicia, ademais de permitirlles coñecer novos produtos para aos seus mercados, deulles a oportunidade de ver de preto a actividade e a forma de traballo das empresas galegas.

O mercado de Colombia

Colombia, con 49 millóns de habitantes, é a terceira poboación máis numerosa de América Latina. Nos últimos anos a economía colombiana experimentou un significativo auxe grazas ao clima de seguridade xurídica, os incentivos fiscais, a boa xestión macroeconómica e unha significativa entrada de capitais estranxeiros, que deron lugar a altas taxas de crecemento, con baixa inflación e pouco endebedamento público. Ao contrario que a maioría das economías da rexión, a economía colombiana segue medrando por riba do 2% anual.

A entrada en vigor do TLC coa Unión Europea en 2013, permitiu aos produtos europeos unha maior competitividade no mercado. En 2016 as exportacións españolas a Colombia acadaron os 95,6 millóns de euros, un 12% máis que en 2015, centrándose especialmente en aceites e embutidos.

As exportacións galegas a Colombia duplicáronse no último ano, concentrándose especialmente nos sectores pesqueiro (o 59% do total) e cárnico.