×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
As comisións de mercados e innovación do clúster definen a nova estratexia co horizonte 2020

asistentes á comisión

O Clúster Alimentario de Galicia celebrou hoxe en Santiago de Compostela a xuntanza dobre das comisións de mercados e internacionalización e de innovación e I+D, co fin de avaliar a execución do Plan Estratéxico 2011-2015, e en particular, valorar os novos eixes, medidas e accións propostas do futuro Plan Estratéxico do Clúster Alimentario de Galicia 2016-2020.

As comisión tiveron unha ampla representación dos asociados, en particular das empresas, ademais de representantes de varias asociacións, centros tecnolóxicos e universidades, así coma unha activa participación. As conclusións da xornada deben orientar o plan cara a resposta das demandas das empresas do sector e intensificar as accións para o fomento da comunicación interna e da participación activa dos asociados, incrementar a masa crítica para desenvolver actuacións de maior impacto e accións específicas así como apoiar o emprendemento e as pequenas empresas. Asemade analizáronse os grandes retos de futuro do sector referidos á nova bioeconomía , a industria do futuro 4.0, as novas tendencias de consumo, o consumidor ou a globalización dos mercados.

O director do equipo redactor da nova estratexia, Edelmiro López Iglesias do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) Universidade de Santiago de Compostela, fixo previamente unha exposición do primeiro esquema do plan aliñado coas conclusións obtidas da enquisa aos asociados e as achegas dos directivos integrantes da xunta directiva do clúster. Á súa vez, a incorporación das achegas e conclusións das comisións permitirá validar un documento final que será sometido a aprobación e ratificación pola xunta directiva e asemblea, respectivamente.