×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
A misión comercial de Corea do Sur busca incentivar as exportacións de alimentos galegos

O Clúster Alimentario de Galicia levou a cabo, conxuntamente co IGAPE, unha misión comercial inversa con Corea do Sur. Importadores coreanos dalgunhas das principais cadeas de hipermercados do país e unha empresa especializada en produtos gourmet visitaron durante tres días empresas galegas de alimentación interesadas en exportar ao país asiático.

A misión comercial

A Misión inversa de Corea do Sur desenvolveuse entre o 19 e 21 de xuño e contou coa presenza de catro importadores coreanos, que viñeron acompañados por unha persoa responsable da Oficina Comercial de España en Seúl.

Durante os días da misión visitaron varias fábricas galegas de lácteos, panadaría, conservas e pratos preparados, principais produtos de interese para as súas empresas.

A visita a Galicia, ademais de permitirlles coñecer novos produtos para os seus mercados, deulles a oportunidade de ver de preto o funcionamento das industrias galegas.

O mercado de Corea do Sur

Corea do Sur, con máis de 50 millóns de persoas, é un dos mercados con maior crecemento de Asia cun volume de comercio exterior que acada o 106% do seu PIB, polo que este mercado resulta de especial interese.

As relacións bilaterais coa Unión Europea víronse reforzadas trala firma do Acordo de Libre Comercio entre Corea e a UE, incrementándose as exportacións en torno ao 46%, segundo datos da Unión Europea. En 2016, o superávit no comercio con Corea acadou os 5.292 millóns de dólares.

No sector da alimentación e bebidas, as exportacións acadaron en 2016 os 157 millóns de euros, destacando especialmente as exportacións de aceite, froita e legumes e produtos pesqueiros. Outros produtos como os derivados lácteos duplicaron nos últimos anos as súas exportacións.